Estamos no terceiro trimestre e levamos xa un bo camiño andado, probando que é o que mellor se adapta ao noso colexio. Agora recollemos e organizamos o aprendido ata o momento para seguir avanzando.
Actualización a día 20/04/26:
📌 Proxecto de axudantes de benestar– avance da experiencia piloto
- 📅 Inicio do programa (xaneiro 2026):
Realizouse unha primeira formación sinxela para todo o alumnado voluntario que participa como axudante de benestar. - 🧠 Primeira reunión xeral:
Explicáronse as normas básicas, o funcionamento do programa, a importancia da puntualidade e a organización do traballo nas distintas zonas nas que iniciamos a experiencia. - ⚽🏀 Organización por equipos:
Dividíronse os voluntarios en dous grupos principais:- Grupo de fútbol (os primeiros repartiron o traballo no torneo mixto, a partir da reunión do día 23/04/26 estaremos por parellas en distintos espazos do conxunto do patio).
- Grupo de bancos e outras zonas do patio, (recolléronse situacións habituais e comúns do día a día no patio, que se poñerán en común para analizalas).
- 👀 Observación e recollida de información:
Os axudantes están a observar o que ocorre nos recreos, recollendo situacións e pequenos conflitos para poder mellorar a convivencia. - 📝 Análise de situacións reais:
Cada incidente ou proposta que aparece no patio é anotado para buscar solucións axeitadas e realistas. Recollemos todas as propostas e adaptamos para este último trimestre. - 🤝 Atención próxima ao alumnado:
Os equipos traballan para favorecer un ambiente máis seguro, respectuoso e tranquilo durante os recreos. - 🔄 Ampliación do equipo de fútbol:
O venres 24, os axudantes de fútbol ampliarán a súa actuación a outras zonas do patio, incluíndo o 1º ciclo e o 2º ciclo, para mellorar a atención e a convivencia en máis espazos. - 📍 Reunión do 23 de abril:
Na hora de lectura, realizarase unha nova reunión:- Os axudantes de patio reuniránse na sala de audiovisuais, onde analizarán as anotacións que teñen ata esa data.
- Os axudantes de fútbol reuniránse na aula TICs.
- 📍 Reunións de seguimento:
Mantéñense encontros de coordinación para compartir experiencias e mellorar o funcionamento do programa. - 🎯 Obxectivo principal:
Conseguir que os recreos sexan espazos seguros, amables e agradables para todo o alumnado, reforzando o benestar e a convivencia.
Que é o benestar?
O benestar é unha palabra que soa grande, pero en realidade fala de algo moi sinxelo: sentirnos ben por dentro e por fóra. É estar tranquilos, sentirnos seguros, estar a gusto coas persoas que nos rodean e poder respirar sen medo nin tensión. É tamén poder rir, xogar, descansar e aprender sen que o noso corpo e a nosa mente estean sempre en alerta.
O benestar é un ben moi preciado porque non sempre está asegurado. Non é algo que aparece só, como por arte de maxia. Precisa coidado, atención e respecto. É como unha planta delicada: se a regas, medra forte e fermosa, pero se a esqueces ou a tratas mal, pode marchitarse. O mesmo pasa coas persoas e co ambiente no que vivimos.
Por iso o benestar é tan importante e tamén tan fráxil. Ás veces pérdese con pequenas cousas: unha palabra dita sen pensar, unha pelexa no recreo, un malentendido, ou simplemente o cansazo acumulado dun día longo. Non fai falta que pase algo grande para que deixemos de sentirnos ben.
Todos necesitamos sentirnos seguros e escoitados. Isto é moi importante, especialmente no colexio. Na aula esforzámonos moito: prestamos atención, pensamos, escribimos, lemos e aprendemos cousas novas. Todo iso require enerxía e concentración. Por iso, cando chega o patio, o noso corpo e a nosa mente necesitan un descanso diferente.
O patio debería ser un espazo de liberdade tranquila. Un lugar onde podemos relaxarnos despois de traballar na clase. Ás veces queremos xogar, correr e divertirnos. Outras veces preferimos estar cun grupo pequeno de amigos, falar baixiño, merendar con calma ou simplemente sentar e observar o que pasa ao noso redor.
Tamén pode ser bonito ver un partido de fútbol ou de balonmán, animar sen discutir, compartir risas e momentos sinxelos. Cada neno e cada nena ten o seu propio xeito de descansar, e todos son igual de válidos.
Pero o que case ninguén quere é saír ao patio e atopar máis problemas. Non queremos discusións, empurróns nin palabras feas. Porque iso fai que volvamos á aula máis cansos aínda, non só no corpo, senón tamén no corazón. E así é moito máis difícil aprender e estar contentos.
Por iso é tan importante coidar o benestar de todos. Significa respectar, escoitar, entender que cada persoa sente de maneira diferente e que todos necesitamos un pouco de paz. Se conseguimos iso, o colexio convértese nun lugar mellor, máis amable e máis feliz.
O benestar constrúese entre todos, cada día, con pequenos xestos. Un sorriso, unha axuda, unha palabra boa ou simplemente deixar espazo ao outro. Así, pouco a pouco, aprendemos a vivir mellor xuntos.
NORMAS NO FÚTBOL E INCIDENTES ATA O 20/04/2026
Desde que comezamos o torneo mixto, vimos que a participación está sendo moi boa e o ambiente xeral é positivo. A maioría dos encontros desenvólvense con respecto, ilusión e ganas de xogar en equipo. Iso é precisamente o que buscamos: deporte, convivencia e diversión compartida.
Con todo, tamén é importante lembrar que se rexistraron dúas faltas moderadas e unha situación que precisou mediación inmediata para resolverse. Aínda que estas incidencias foron poucas, convén non pasalas por alto. Serven para lembrarnos que no deporte, como na vida, é moi fácil que un malentendido ou unha emoción forte poida xerar un conflito.
Ata o momento, os datos globais son bos e indican que imos polo bo camiño. Pero tamén nos din algo moi claro: sempre se pode mellorar. O noso obxectivo non é só xogar, senón facelo ben, con respecto, coidando ás demais persoas e evitando calquera situación que poida crear malestar.
Por iso, é fundamental seguir traballando . Aquí temos as normas do torneo, que non están para limitar, senón para axudarnos a convivir mellor, xogar en igualdade e resolver os problemas antes de que medren. Se todas e todos as respectamos, o torneo será máis seguro, máis agradable e máis xusto.
SEGUIMOS CAS MESMAS NORMAS NO TORNEO
Seguimos prestando moita atención ás normas, revisándoas sempre que faga falta e tendo claro que son as mesmas para todo o alumnado.
Ademais, os axudantes de patio de fútbol levan un rexistro das faltas e dos conflitos, co único fin de ir reducindo pouco a pouco o seu número. Este rexistro axúdanos a ver como imos mellorando, como cada vez hai menos problemas e máis respecto no xogo. Estes logros compártense con toda a comunidade educativa, para que todo o mundo vexa o bo traballo que se está a facer.
É importante lembrar que os axudantes de patio non son árbitros nin teñen a mesma función. Non toman decisións como xuíces nin sancionan. O seu papel é observar, escoitar, axudar a entender o que pasou e favorecer que os conflitos se resolvan con diálogo e respecto.
Cando conseguimos baixar claramente o número de conflitos, celebrámolo entre todos, porque é un éxito compartido.
Se nalgún momento non hai un comportamento adecuado, colócase un cartel no corcho da entrada do patio informando da cancelación dos partidos ata novo aviso. O día no que se retoman os partidos, tamén se coloca outro cartel para avisar do reinicio.
Polo momento, cancelamos unha vez porque non estaban os mediadores.



BANCOS DA AMIZADE: OS NOVOS AXUDANTES DO PATIO
Que é?
Ser axudante de benestar nos bancos de amizade significa axudar a que no patio haxa bo trato, respecto e convivencia. Non é unha figura de autoridade nin de “xuíz”, senón unha persoa que acompaña, escoita e axuda a resolver pequenos problemas entre compañeiros e compañeiras.
Que accións poden facer?
Os axudantes de benestar poden:
- Escoitar con atención o que lle pasa a cada persoa (o máis importante de todo).
- Axudar a que as persoas falen con calma e se entendan mellor.
- Dar ánimo e palabras de apoio cando alguén está enfadado, triste ou nervioso.
- Axudar a calmar os ánimos ofrecendo, se é necesario, un pouco de auga.
- Ofrecer elementos de calma como xoguetes brandiños, figuriñas suaves ou xoguetes antiestrés de espremer, para axudar a relaxarse, dar un paseo…
- Acompañar na resolución de pequenos conflitos do día a día sen xulgar nin tomar partido.
Cando hai un conflito importante
Se aparece un conflito máis grave (insultos fortes, empurróns, situacións repetidas ou que non se solucionan falando), o axudante de benestar non debe resolvelo só.
Neste caso debe:
- Manter a calma e non intervir como árbitro.
- Priorizar sempre a seguridade e o respecto.
- Recoller información básica do que aconteceu.
- Avisar ao profesorado de garda e se este o solicita derivar a situación, pero…como?
Que facer cos conflitos graves
Cando o conflito é importante:
- O axudante de benestar recolle o sucedido de forma breve e clara.
- Anota a situación nun pequeno informe escrito.
- Ese rexistro realizarase, cando sexa posible, durante a hora de lectura.
A onde se entrega o informe?
O informe entregarase ao profesorado de convivencia de garda, que estará na sala da ANPA. Este equipo será o encargado de valorar a situación e tomar as decisións oportunas.
Os Bancos da Amizade
Os Bancos da Amizade non son só para resolver conflitos. Tamén son un espazo ao que se pode acudir cando alguén precisa falar, sentirse acompañado ou pedir axuda.
O máis importante é crear un ambiente no que todas as persoas se sintan escoitadas, respectadas e coidadas. Porque ás veces, o máis importante non é falar primeiro, senón saber escoitar ben.

Informe que terán, os mediadores, nunha carpeta para recoller todos os datos. Na hora da lectura cumpliméntase o parte de incidencia, lévase a 4º hora á sala ANPA, no caso de estar pechada ao arquivo de Secretaría.
Aquí temos un resumo de todo o anterior e un modelo de informe xeral:



